viernes, 28 de abril de 2017

"A VUELTAS CON LA EUTANASIA


(Artigo publicado no xornal "El Progreso" o 22 de Abril do 2017)


Dezanove anos despois da norte de Ramón Sampedro, que supuxo no seu momento un forte alegato a favor da dispoñibilidade da propia vida, poucas cousas mudaron na complexa cuestión da eutanasia.
Desde o punto de vista médico, o consentimento informado (CI) e as declaracións de vontades anticipadas ou instrucións previas (os DVAs) xurdiron nestes últimos anos co fin de introducir un serio correctivo ao paternalismo médico. O CI e os DVAs representan a materialización do principio de autonomía do paciente ao contar coa súa liberdade de decisión antes de iniciar un tratamento médico e antes de decidir se se mantén “ad infinitum”. O avance que supoñen é limitado ao correr o risco de dexenerar en prácticas burocráticas no canto de buscar o recoñecemento da autonomía e dignidade do enfermo e a mellora da relación médico-paciente. Ademais, ao non aceptar “vontades que incorporen previsións contrarias ao ordenamento xurídico” e ao excluír instrucións contrarias á “boa praxe médica”, só serían admisibles as peticións de desconexión ou de paliación-sedación na agonía pero nunca aquelas condutas directamente encamiñadas a anticipar a morte do paciente en estado terminal ou sufrindo unha enfermidade dexenerativa irreversible. E non supoñen ningún avance xa que son situacións contempladas hai décadas na Lei Xeral de Sanidade e no Código deontolóxico médico.
Desde o punto de vista xurídico-penal, o artigo 143.4 do Código penal vixente segue ignorando, como absolutamente irrelevante, o requirimento do paciente terminal ou seriamente incapacitado prescribindo que cando unha persoa neses contextos médicos pida inequivocamente que alguén lle axude activamente causándolle a morte e poñendo así fin á devandita situación de sufrimento, todos -e este é o mandato que, de non ser seguido, dará lugar á imposición da pena de prisión- teremos que absternos de cumprir tal petición, permitindo que a situación irreversible de padecimiento continúe. Considero que o Código penal debera convivir en sintonía coas crenzas do conxunto da sociedade, polo que tal mandato racha coa convicción xeral da cidadanía, a cal, e a través de distintas enquisas, declarouse maioritariamente a favor da eutanasia e o suicidio asistido en tales circunstancias.

Nestes tempos diversos partidos políticos tentaron sen éxito (dun xeito confuso e irreflexivo, utilizando técnicas xurídicas mellorables e procedementos formalmente lamentables) abordar ditas cuestións. Nada substancial mudou (insisto) desde fai dezanove anos polo que se fai inescusable non só unha reflexión máis seria sobre a dispoñibilidade da propia vida a través do suicidio asistido e a eutanasia activa, senón tamén que tales condutas, co control social, médico e legal adecuado, deixen de ser condutas proscritas e convértanse en prácticas toleradas, tal e como se espera dun Estado democrático, plural e aconfesional como o noso.


1 comentario:

Gracias por participar en este blog.