“ANIMALIA”
Nalgunhas
cidades e pobos perviven costumes e tradicións nas que o elemento central de
diversión consiste no maltrato de animais de todo tipo como touros, cabalos,
bois, cans ou galos. Son rituais sanguentos xa institucionalizados e
caracterizados por unha crueldade absolutamente gratuíta que resultan
moralmente vergoñentos.
Ás veces
semella que seguimos anclados na Idade Media, cando a barbarie ante o xénero
humano e o mundo animal formaba parte dunha moral que non resistiría unha
análise moi severa. Porén, dende aquela, moito se avanzou no ámbito da
fundamentación teórica dos dereitos dos animais ainda que non tanto na súa
aplicación práctica. Nos últimos anos, Peter Singer e Tom Regan ofreceron
perspectivas teóricas sobre dito asunto. O primeiro fundamentando os dereitos
do animal no utilitarismo e a defensa dos seus intereses; Tom Regan, e dende
unha perspectiva deontolóxica, suxerindo dez razóns para preservar os dereitos
dos animais tales como a non discriminación arbitraria, os principios de
imparcialidade e de xustiza, os sentimentos de compaixón, xenerosidade e paz, a
procura da autorrealización persoal e o sentido dun ecoloxismo prudente.
Estes son
dous exemplos de fundamentación dos dereitos dos animais. Porén, non debemos
esquencer os deberes que o xénero humano ten para cos animais. E sobre
iso cavilou Kant nas súas Leccións de
ética ao dicir que a través deles promovemos indirectamente os deberes para
coa humanidade. Kant aconsellaba exercitar a compaixón cos animais, pois “quen
é cruel con eles posúe un corazón endurecido para cos seus conxéneres”. A
partir duns gravados de W. Hogarth, este autor viña dicir que aquel que
maltrata a un can suxeitando o seu rabo desenvolverá a súa crueldade
atropelando a un neno e culminaraa cun asasinato, sendo este o horrendo tributo
que acaba por cobrarse a crueldade. Podemos pois, de acordó con Kant, coñecer o
corazón humano a partir da súa relación cos animais e plantexar a tese de que a
barbarie humana aumenta exponencialmente segundo sexa a nosa actitude cos
animais.
Non encontro argumentos moralmente razoables que xustifiquen o dano ou
tortura innecesariamente infrinxidos aos animais en nome da cultura ou a tradición.
Tampouco se atopan razóns para que este tipo de espectáculos violentos de
tortura e morte gocen de subvencións públicas e apoios gobernamentais, nin
dende unha perspectiva democrática nin dende unha perspectiva moral-racional.
Por todo o anterior se advirte a urxente necesidade de que a nosa sociedade
adopte unha ética máis xenerosa, válida máis alá do ámbito meramente humano,
poñendo en vigor leis máis explícitas que as actuais e que protexan os animais
sancionando severamente as condutas que atenten gratuíta e irresponsablemente
contra as súas vidas e o seu benestar. Tamén urxe unha profunda renovación
pedagóxica no sistema de ensino co fin de desenvolver unha educación ambiental
en favor dun compromiso maior co resto dos seres vivos non humanos e que incluian
novas formas de relación e convivencia que non comporten un sufrimento
innecesario aos animais. Sobre este último aspecto témome que o novo sistema
educativo non servirá de grande axuda.
(Artigo publicado no xornal "El Progreso" o 5 de Setembro de 2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Gracias por participar en este blog.