martes, 19 de agosto de 2014

A FUNCIÓN SOCIAL DUNHA BIOÉTICA DE PROTECCIÓN


“A FUNCIÓN SOCIAL DUNHA BIOÉTICA DE PROTECCIÓN”


A ortodoxa bioética contemporánea, reconvertida ultimamente en bioética global, pretende resolver os conflitos orixinados polas ciencias da vida a través dos consabidos Principios de Georgetown (autonomía, beneficencia, non maleficencia e xustiza). Devanditos Principios recibiron severas críticas sobre todo no ámbito bioético latinoamericano, por insuficientes, e porque exaltaban a moral individualista diluíndo a idea de xustiza social, e pola dificultade de elaborar un estatuto epistemológico claramente definido dos mesmos.
Nos últimos tempos xurdiu a expresión bioética da protección formulada inicialmente polos filósofos Miguel Kottow e Fermín R. Schramm, coa finalidade de tentar dar conta dos conflitos e dilemas morais relacionados coa saúde pública e o recoñecemento de facto dos dereitos humanos, sobre todo en América Latina, e que dificilmente poden ser resoltos polo patrón norteamericano da bioética principialista.
 A bioética da protección, stricto sensu refírese ás medidas a tomar para protexer a individuos e poboacións que non dispón de recursos que lles garantan as condicións indispensables para levar adiante unha vida digna e que moitas veces son excluídos da comunidade política e das políticas dos dereitos humanos. Lato sensu é máis ambiciosa: aínda que outorga prioridade aos intereses dos máis desamparados ofrecendo un contido concreto ao ideal de xustiza social, tende tamén a pensarse teleolóxicamente e de acordo coa terminología defendida por Derrida, como a ética dunha nova “forma de cosmopolitismo” e dunha “democracia futura” fundamentada na “hospitalidade incondicional” ou universal, como diría Kant.

Con outras palabras: máis aló do apriorismo principialista antes citado, a bioética de protección ten como obxectivo prima facie un humanitarismo real en defensa dos máis débiles e inocentes –os que sofren unha “vida espida”, en palabras de Giorgio Agamben-. Pero tamén se pregunta que ocorre cos dereitos humanos cando non acadan a protexer ás persoas excluídas da comunidade política e relegadas á condición de mera supervivencia ou de vulnerabilidade máxima. 

Concluíndo, a protección non exclúe a priori o exercicio da autonomía, por exemplo, (ao contrario de todas as políticas paternalistas históricas), senón que intenta ofrecer as condicións necesarias para que o protexido poida autoprotexerse nun futuro que sexa o menos distante posible.

Xa que logo, sería conveniente tomar nota da necesidade de ampliar os horizontes daquela “bioética global ou universal” fundamentada en principios que son indudablemente insuficientes á hora de resolver outras moitas situacións conflitivas, ás veces intencionadamente marxinadas.

Artículo publicado en El Progreso el 26 de Julio de 2014 en la columna "O voo da curuxa" (Grupo DOXA de Filosofía)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Gracias por participar en este blog.