O debate sobre a
eutanasia voluntaria e a axuda activa ao suicidio sitúase entre dous principios
éticos referenciais: o paternalismo e a autonomía. O paternalismo baséase na
idea de que un determinado incremento da liberdade pode xerar comportamentos
sociais que excedan o bo uso desta e sostén que é correcto vulnerar a autonomía
dunha persoa no seu beneficio. Así, a esencia do paternalismo consiste en
desprazar a autonomía apoiándose en principios de beneficencia ("eu sei
mellor ca vostede o que lle convén") de modo que, en ocasións, pretende
preservar a saúde física dos individuos desoíndo as súas decisións mesmo cando son
claramente autónomas. Con outras palabras: o paternalismo leva implícita a
limitación da liberdade doutra persoa en razón do seu propio benestar, sendo o
paternalismo médico un exemplo do control que se exerce sobre a vida dos
enfermos, presumiblemente no seu interese, e asumindo como premisa implícita a “autoridade
epistémica” do médico, quen, en tanto que autoridade científica "sabe
mellor que ninguén que é o mellor para o paciente". O paternalismo non parece
correctamente aplicable na eutanasia voluntaria, isto é, cando o enfermo
reclama a morte, xa que se o paternalismo permite desprazar a autonomía dunha
persoa cando o resultado é beneficioso para ela, non se observa que beneficio podería
alcanzar un paciente clinicamente desafiuzado ao manterse con vida cando
asegura que a morte é unha liberación para el.
Actualmente asúmese que
a autonomía individual do paciente debe ser tida en conta na toma de decisións
acerca dos tratamentos médicos en situacións de enfermidade terminal. Por iso o
"consentimento informado" e as "vontades anticipadas"
xurdiron nestes tempos como un serio correctivo ao paternalismo médico e a
autoridade epistémica do médico. O principio de autonomía recoñece no ser
humano a capacidade de decidir sobre a súa vida, de levar a cabo o seu proxecto
de vida sempre que non dane a terceiras persoas ou á sociedade no seu conxunto.
O dano a un mesmo, como sinalaba o filósofo J. Stuart Mill, non debera ser
motivo para coartar a liberdade dunha persoa nin para restrinxir o seu proxecto
vital.
O
principio de autonomía é o mellor situado no debate sobre a eutanasia
voluntaria xa que, se entendemos por autonomía a capacidade de elixir entre
distintos plans de vida que non danen a terceiras persoas, unha sociedade
liberal debera garantir que os seus cidadáns adopten decisións sobre o seu
futuro e que estas poidan ser levadas á práctica dun modo efectivo. Certo é que
convén propoñer proxectos alternativos de vida e paliar o sufrimento dun
enfermo que se encontre nunha situación médica difícil, persuadíndoo de que,
probablemente, a morte non sexa unha solución acertada. Non obstante, cando
este modo de proceder fracasa, parece inxustificable non só que non se respecte
a capacidade de elixir e decidir sobre a súa morte senón tamén que o Estado e
as súas institucións non ofrezan unha protección xurídica ás persoas que o
axuden a morrer.
(Artigo publicado en El Progreso o 2-XII-2013)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Gracias por participar en este blog.